18 abr 2018

A MARIÑA EN FEMININO



Xa están expostos os traballos colaborativos das familias, A Mariña en feminino. Xa sabedes que formamos parte da Microrrede de Bibliotecas Escolares de A Mariña e que todos os anos, polas festividade das Letras Galegas, lles pedimos ás familias a realización voluntaria, dun traballo de creación literaria e/ou plástica, é dicir, un traballo artístico! E vaia si son artísticos, e creativos, e orixinais...cada ano nos sorprende a imaxinación e creatividade das nosas familias, a calidade dos traballos,  o cariño con que os fan, a súa participación...


En fin, con ver estas imaxes xa vos faredes unha idea e si queredes velos con máis detalle, non esquezades de pasar polo colexio antes do día 2 de maio. Claro que si non vos da tempo, a semana de 7 ao 10 podedes velos en Viveiro, xunto cos dos demais colexios


UNHA SEMANA DE VISITAS!

A semana pasada recibimos na biblioteca nada menos que a visita de tres autores: Marcos Calveiro, An Alfaya e Irene Rega. Os dous primeiros xa estiveran con nós en BIBLIOCERVO, para falarnos dos seus libros. Desta vez comentamos con eles Raro, que leron os de 2º curso e A ánfora exipcia, lido por 5º e 6º. 
Tanto un título coma o outro, están incluídos no Plan lector Anual. 



Irene Rega Jul é unha xoven escritora estudante de Maxisterio, que estivo facendo as prácticas no Colexio de Cervo e aproveitamos para que nos presentase o seu primeiro libro Si me pierdo, tú me encuentras, publicado recentemente na Ed. Chiado. Un libro de lectura áxil, sen ubicación temporal nin espacial, de superación, valores, de final aberto...que leremos o vindeiro curso o alumnado maior.
Sempre nos gustan moito estes encontros con escritores, unhas veces porque xa coñecemos os libros e outras porque nos quedamos coas ganas de lelos. Ao final firman os exemplares e dámoslles un agasallo realizado polo curso que mercou o libro e un calendario do colexio.
Agardamos que nos sigan visitando, sobre todo Irene, coa continuación do libro, porque os que xa o lemos, quedamos con ganas de máis!

11 abr 2018

GRAVANDO GRAVANDO...O NOSO NOTICIEIRO

O pasado mes de Marzo celebramos a Semana da Prensa na escola, e fixémolo con moitas actividades diferentes: a lectura e análise de xornais, a realización de pequenas investigacións sobre a prensa en Galicia, a visita do programa A Revista da TVGque veu a facer unha reportaxe na aula de 6º de primaria, unha exposición de xornais europeos... e a que vos imos a contar nesta entrada, a gravación dun noticiario moi especial.



Polo de agora, teredes que agardar para ver o resultado final pero queremos que vexades que para facer un informativo é moi importante o traballo previo... Aquí tedes algunha mostra das composicións das novas que se verán no noticiario



E por último unha imaxe dalgúns posibles reporteiros do noso noticiario... Non nos perdades a pista!! :)


                         

4 abr 2018

DESAFIANDO RETOS ...




A partir do 2º trimestre os cursos dos maiores do cole, 5º e 6º de Ed. Primaria, dedicaron unha hora semanal para practicar cos robots LEGO MINDSTORMS e resolver retos, algúns moi difíciles, como podedes ler no PUCA QUERE SABER  que axuntamos. Pero como se traballa en grupos colaborativos e cada integrante ten a súa función, resulta máis doado resolver os problemas. 
Ao  final da sesión hai un tempo para realizar a autoavaliación e ver as dificultades de cada día. Poñerse de acordo, deixar facer aos compañeiros, colaborar,... é complicado nun traballo en grupo, pero unha boa aprendizaxe para o futuro. 
Despois de varias sesións xa nos imos concienciando da importancia de axudarnos e colaborar todos para avanzar e de que todo o mundo é capaz de superar retos!
Adxuntamos o caderno elaborado no PFPP dos profes e que agora complementa o alumnado.


3 abr 2018

A MARIÑA EN FEMININO, Traballo colaborativo coa MICRORREDE de A MARIÑA

Cando se acercan estas datas,  poñemos a andar a actividade colaborativa coa MICRORREDE de A MARIÑA que a forman as bibliotecas de A Mariña integradas dentro do PLAMBE ( Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia).

A actividade deste ano leva por título A MARIÑA EN FEMININO e vai  explicada na carta que se enviou ás familias, protagonistas desta actividade.

Máis abaixo axuntamos este documento e tamén o logo do colexio, por si alguén necesita descargalo para realizar o traballo.



Relacionada con esta actividade e co DÍA DAS LETRAS GALEGAS, está a asistencia ao teatro Pastor Díaz de Viveiro por parte de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria, para ver a representación da obra LEONARDO E OS FONTANEIROS, de María Victoria Moreno ( autora homenaxeada polas Letras Galegas). Será o 10 de maio, mentres que os nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º de Ed. Primaria ese mesmo día, asistirán ao CORRELINGUAS en Mondoñedo. 

Como podedes comprobar, avecíñanse días de moita actividade!!





CARTA PARA AS FAMILIAS. ACTIVIDADE COLABORATIVA MICRORREDE


DÍAS MUNDIAS DA ÁRBORE E DA AUGA



No pasado mes de marzo celebramos os DÍAS MUNDIAIS DA ÁRBORE E DA AUGA, en colaboración coa Deputación de Lugo e o Concello de Cervo. A primeira institución mandounos uns exemplares para a ler sobre a Reserva da Biosfera os Ancares lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para Ed. Infantil e outros titulados 
A auga, o dragón e o salgueiro para Ed. Primaria.  


Do Concello de Cervo tivemos a visita do técnico de Medio Ambiente, co que fixemos un xogo por grupos, de identificación das árbores do colexio. Como todos o fixemos xenial de ben, recibimos un fermoso agasallo, unha árbore en madeira que podedes ver nunha destas imaxes,  encima dos libros dos Bolechas.



RECREOS DE POESÍA



Para os recreos de poesía fíxose unha selección de libros de poesía que están expostos na biblioteca, para que o alumnado poida escoller os poemas para recitar. Velaí están as imaxes deste material: libros de Rafael Alberti, de Bécquer, Federico García Lorca, Manuel Antonio, Gloria Fuertes, Anisia Miranda e moitos máis...