Mostrando entradas con la etiqueta 2017. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2017. Mostrar todas las entradas

13 dic 2017

PLANTANDO ÁRBORES AUTÓCTONOS


Días pasados,  as nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria participaron nunha actividade medio ambiental proposta polo Concello de Cervo e a Fundación ALCOA. A xornada consistiu na plantación de 200 árbores autóctonas nas inmediacións da Piscina de Lieiro.
Coa axuda dos voluntarios de ECOHERENCIA, unha sociedade cooperativa formada por profesionais especializados en restauración ecolóxica e educación ambiental, o alumnado plantou acivros, castiñeiros e ameneiros.
E unha vez máis, traballouse na concienciación da importancia do coidado da natureza e respecto polo bosque autóctono galego.
Para seguir traballando neste senso, Puca quere recomendarvos estes catro libros que podedes atopar na biblioteca:
  • GUÍA DAS ÁRBORES DE GALICIA de Henrique Nino Ricoi e Calros Silvar. Editorial Bahía.
  • AS ÁRBORES. ENCICLOPEDIA TEMÁTICA ILUSTRADA. Editorial A Nosa Terra
  • MONTES E FONTES. GUÍA DAS ÁRBORES DE GALICIA de Marisa Castro, Luis Freire e Antonio Prunell . Editorial Xerais.
  • A ÁRBORE. Biblioteca Visual altea.



1 dic 2017

ESTÁ BEN SER DIFERENTES!

O vindeiro domingo 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e na escola celebrarémolo cunha actividade moi especial, o visionado das curtas “Está ben ser diferente” e “Está ben ter amigos diferentes”.
O luns, a nosa biblioteca acollerá a estrea dos vídeos elaborados entre vintenove centros educativos de toda Galicia, a partir do conto “Está ben ser diferentes” de Todd Parr.
Agardamos que vos gusten e que disfrutedes deles tanto coma nós disfrutamos facéndoos!




A actividade foi organizada polo Departamento de Orientación, o Equipo de Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega da nosa escola, en colaboración coas mestras de pedagoxía terapéutica Mila Castro do CEE María Mariño e Alba Rodríguez do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves).... e non só consistiu na montaxe dos vídeos, senón tamén na tradución do conto de Todd ao galego e a pictogramas, coa finalidade de achegar a súa mensaxe a todos os nenos e nenas.





Dende o CEIP de Cervo queremos felicitar a todas nenas e nenos que participaron nesta actividade, e darlles as gracias a eles e aos seus mestres e mestras por ensinarlles que... 

ESTÁ BEN SER DIFERENTES!

Centros participantes:

CEIP de Cervo, CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, CEE María Mariño, CEIP Pedro Caselles Rollán, CPI Virxe dos Remedios, CEIP Plurilingüe Vista Alegre, CEIP Manuel Mato Vizoso, CEIP do Castro de Ouro, CEP Lois Tobío, EEI San Roque, CEIP Plurilingüe de Covas, CEIP de Currelos, IES da Terra Chá José Trapero Pardo, CPI Dr. López Suárez Escairón, CEIP Cervo Nº1, CEIP de Luíntra, CEIP Condesa de Fenosa, IES Muralla Romana, CEIP Plurilingüe Santa Rita, CEIP Antonio Ínsua Bermúdez, CEIP Antonio Pedrosa Latas, CEIP Plurilingüe de San Miguel, CPI de Cervantes, CEIP San Miguel de Reinante, CEIP de Louro e CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, CEIP O Vicedo, CEE Infanta Elena, CEIP As Nogais

22 nov 2017

25N-DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Cada mes de novembro conmemorase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Actualmente está no orde do día de calquera medio de comunicación a problemática contra a violencia de xénero, escoitando diferentes casos a diario. A educación é a mellor ferramenta posible para cambiar esta situación e crear entre todos unha mellor sociedade onde os nosos pequenos serán adultos.
É moi importante que todos colaboremos nos machismos que aparecen no día a día, como pode ser, nas festas que se van celebrar proximamente, a diferenza entre xoguetes para nenas ou xoguetes para nenos. O que importa é a ilusión!



Ademais dos recursos recompilados nos últimos cursos, que podedes atopar no enlace da dereita chamado "Educación en Valores", este ano no cole de Cervo, ademais das actividades realizadas nas diferentes aulas, imos conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero interpretando unha canción chamada "Chea de Vida" de Ghaudi Galego. Esta é a súa letra:
Voltar
á terra que vos viu nacer
onde os pobos deixan ver
limpo e mais limpo solpor

Voltar,
onde a pedra viu medrar,
onde as rúas estreitan,
onde os bares non fechan.

Estarei subindo a unha montaña
Estarei buscando a sombra dunha parra
Estarei, estarei, estarei.
Chea de vida
Chea de vida
Chea de vida

Voltaremos vernos noutro momento,
Voltaremos vernos, como un memento.
Voltaremos vernos, por fora e por dentro.
Voltaremos vernos,
en silencio, con respecto.
En silencio, sin pretensións.
En silencio
En silencio

o venres, ás 11:30, xuntarémonos todos para cantala. Agardámosvos!!!

MAGOSTO E DÍA DO PEÓN

Novembro é o mes no cal celebramos o MAGOSTO e o DÍA DO PEÓN. Esta celebración tivo lugar o venres día 10, vísperas do San Martiño, que como xa di o refrán: 
" Polo San Martiño, peóns ao camiño"




Nós celebrámolo con xogos populares, onde participou todo o alumnado do colexio, en grupos mixtos, dende Ed. Infantil ata Ed. Primaria.O pavillón estaba delimitado por recunchos, cada un co seu xogo, por onde ían pasando os diferentes grupos. Tiñamos a margarida, as chapas, o tiro da corda, carreiras de sacos, os peóns..
Despois de xogar, comemos as castañas asadas que, como cada ano, prepara o noso conserxe, Pepe, coa axuda das nais e pais da ANPA. 
Durante toda a semana tivemos unha exposición de peóns decorados polas nenas e nenos e nos recreos xogaron moito con eles, a facelos bailar, collelos na man, etc. 
Esta é unha das celebracións que máis gusta, porque se pasa
moi ben xogando e comendo!


15 nov 2017

20 DE NOVEMBRO, DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA

Cada 20 de novembro, celebramos o Día Universal da Infancia. Este día está adicado a tódolos nenos e nenas do mundo e serve para celebrar os avances conseguidos no referente aos seus dereitos, mais tamén serve para chamar a atención sobre a situación daqueles pequenos que se atopan máis desfavorecidos. Dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar a todos da importancia destes dereitos, o benestar dos pequenos e o respecto polas persoas nos seus primeiros anos de vida, cando son máis vulnerables, é de suma importancia, pois segue habendo nenos e nenas pasando por situacións problemáticas e de necesidade.
Por que o 20 de novembro? 
A Asemblea Xeral da ONU aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno o 20 de novembro de 1959. Esta declaración non tiña carácter vinculante de maneira legal e non era suficiente. Despois de anos de negociacións con gobernos de todo o mundo, ONGs, líderes relixiosos e outras institucións, logrouse acordar o texto final da Convención sobre os Dereitos do Neno o 20 de novembro de 1989. Os puntos acordados nesta convención son de obrigado cumprimento para todos os países que a firmaron.
O Día Universal da Infancia fomentamos a fraternidade entre todos os nenos e nenas do mundo e promovemos o seu benestar. Neste día recordamos que os nenos son o colectivo máis vulnerable e o que máis sufre as crisis e os problemas do mundo.
Adicar un día internacional á infancia serve para concienciar sobre as necesidades dos máis pequenos e seguir traballando para que teñan un futuro mellor. Tamén para recordar que todos os nenos teñen dereito á saúde, á educación e á protección, independientemente do lugar do mundo onde naceran.  

UNICEF é a principal organización internacional que se encarga de protexer os dereitos da infancia e conseguir cambios reales nas vidas dos nenos.
No blog temos moitos recursos para traballar este tema, así que vos remitimos a este enlace:


                    DÍA UNIVERSAL DOS DEREITOS DA INFANCIA

E mentras tanto, podedes escoitar este rap en galego sobre os dereitos dos nenos e das nenas!!

MES DA CIENCIA E OS " PROXECTOS MAKER EUROPEOS"

Seguimos traballando a temática da ciencia englobada dentro do PDI deste curso e o Proxecto Erasmus +. Nas aulas estanse a facer traballos de búsqueda de información e investigación sobre os científicos homenaxeados no Día da Ciencia en Galego e os monumentos da Unión Europea, sobre os cales se van a facer maquetas para non deixar de lado os " Proxectos Maker" que iniciamos o curso pasado.
Para guiar esta búsqueda de información, elaboráronse uns " Puca quere saber..."  con preguntas e recursos onde poder consultar. O Big Ben, O Arco de Triunfo, O Coliseo de Roma...son algúns deles e estas son unhas mostras dos traballos que se están a facer nas aulas, tamén as adaptacións que se realizan para traballar coa diversidade do alumnado e así todos poidan participar.








28 oct 2017

OUR SETTINGS ou A NOSA CONTORNA.

Dentro das actividades do PDI anual e do  Proxecto Erasmus “Cervo Alén de Europa: United Throught Creativity” , proponse as familias unha actividade colaborativa que  leva por título “Our Settings” ou “A Nosa Contorna”.
Para levala a cabo enviouselles  ás s familias unha carta explicativa da actividade, que consiste en realizar unha foto do lugar onde viven, pegala nunha cartolina branca tamaño A4, decorar o marco e traela ao cole antes do 10 de novembro. Posteriormente, as nenas e nenos de Ed. Primaria,  na clase de inglés escribirán un poema dese lugar, mentras que os de Ed. Infantil ilustrarano con debuxos ou pictos. 
Finalmente, estes traballos serán dixitalizados para compartir cos nosos socios amigos do Proxecto Erasmus e así dar a coñecer a nosa contorna. No colexio faremos unha exposición no "Recanto Erasmus" que estamos a crear no corredor da entrada.
Así que dende BIBLIOCERVO animámosvos a colaborar e por si tedes algunha dúbida, podedes consultar a carta explicativa neste enlace:

25 oct 2017

“HOXE POÑEMOS ÁS”



Hoxe, 25 de outubro,  é o Día Internacional Pel de Bolboreta, e un ano máis queremos dicir ben alto que “No cole de Cervo levamos ás”
Como sabedes, o pasado día 23 de Setembro colaboramos coa asociación DEBRA na decoración do tren que percorreu Burela durante a celebración da Carreira Solidaria ALAS DE VIDA, e que en agradecemento recibimos un fermosísimo libro.
Hoxe para conmemorar este día, queremos recomendarvos moi especialmente a súa lectura, o libro titúlase “Una Mariposa Diferente”, e de seguro que vos gustará moitísimo!

UNA MARIPOSA  DIFERENTE : Neste enlace pódese adquirir o libro por por tan só un 1€, anímate e colabora, a súa recaudación vai destinada a esta asociación sen ánimo de lucro, e como ben di na súa páxina:

 FAI ALGO SINXELO POR PERSOAS EXTRAORDINARIAS!!!



DÍA DAS BIBLIOTECAS 2017

  O 24 de outubro, celebramos o DÍA DAS BIBLIOTECAS en BIBLIOCERVO. Nunha primeira sesión estiveron as nenas e nenos de Ed. Infantil e logo, na seguinte sesión , estivo o alumnado de primaria. 
Lembramos por que se celebra este día cunha presentación feita por Belinda, a  coordinadora da biblioteca e presentáronse os traballos realizados ata agora , sobre o PDI deste curso " CERVO ALÉN DE EUROPA..."

Na sesión de Ed. Infantil escoitaron un fermoso conto adaptado de " Cuentos para dormir", que se titula
EN BUSCA DO PEOR LIBRO DO MUNDO 
e que podedes ler nunha presentación desta mesma entrada.


 







Os cursos de 3º e 4º presentaron os murais que fixeron sobre a Unión Europea e os países amigos do Erasmus.

Nas dúas sesións visualizouse o vídeo que realizaron as nenas e nenos de 5º e 6º curso co alumnado de infantil, 1º e 2º de primaria falando sobre a Unión Europea.









Para comprobar si estiveron atentos, ao rematar fíxoselles unhas preguntas que podía responder un neno ou nena de cada curso. Si acertaba, levaba para a súa clase un orixinal marcador do PDI deste curso que Puca, coas súas axudantas, tiña preparados. Como todos estiveron super atentos, os marcadores foron para as aulas nas mans do alumando  enteradísimo dun montón de cuestións da UE e do Proxecto Erasmus!!!


20 oct 2017

AS NOSAS LENDAS ALÉN DE EUROPA

Como todos os anos, de xeito coordinado co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, estamos a desenvolver o traballo documental previo á edición do noso CALENDARIO ANUAL sobre o PDI.
Terémolo rematado antes das vacacións de Nadal para que toda a Comunidade Educativa poda telo antes do comezo do Aninovo. Xa queda pouco así que paciencia, amig@s!
Este ano a temática son as LENDAS ALÉN DE EUROPA e estamos a investigar sobre as Covas do Rei Cintolo, o Apalpador, os Biosbardos, os Trasgos e outros moitos personaxes e contos da nosa TRADICIÓN POPULAR GALEGA, coa finalidade de dala a coñecer ao alumnado dos nosos PAÍSES AMIGOS cos que este ano estamos a colaborar: Rumanía, Portugal, Lituania, Grecia, Polonia e Turquía. Usamos recursos da biblioteca para buscar información e realizar a proposta de actividades que PUCA nos deixou. Entre eles, a páxina de GALICIA ENCANTADA que coordina Antonio Reigosa.




En canto teñamos o calendario rematado subiremos a súa edición dixital, mentres tanto aquí vos deixamos algún recurso que, o equipo de biblio, fomos elaborando para os traballos documentais do alumnado:





18 oct 2017

ACTIVIDADES DE FORMACIÓN DE USUARIOS

O Equipo de biblioteca está a facer actividades de formación de usuarios para lembrar algunhas normas de uso da biblioteca e dos seus fondos,  para saber onde podemos atopar os libros que nos interesan, como facer un traballo de investigación, que significan as cores e números da CDU...Un montón de cousiñas moi importantes para poder aproveitar ben todos os recursos da biblioteca, que son moitos!
 Como a biblioteca é un lugar para todos, para a diversidade, para a igualdade de oportunidades...temos en conta as necesidades de todo o alumnado e adaptamos materiais de ARASAAC para que eles poidan tamén, recibir esta formación. serva de exemplo estas imaxes dO caderno elaborado con este fin.



A medida que vaiamos tendo máis imaxes, irémolas subindo ao blog

29 jun 2017

XORNAL ESCOLAR "NIN QUITO NIN POÑO 2017"

Con esta xa son 17 as reedicións do noso xornal  escolar NIN QUITO, NIN POÑO. Son reedicións porque cada curso editamos un número en lembranza ao xa clásico  que se redactaba nos obradoiros do colexio alá polos anos 80 e que despois dunha parada, volvemos a publicar no 2001. 
Cada ano, o noso alumnado mellora as súas calidades xornalísticas e volca o aprendido ao longo do ano noso NIN QUITO, NIN POÑO. 
Seguro que xa chegou un exemplar ás vosas casas e que estades gozando da súa lectura un montón!!



27 jun 2017

AS ANDANZAS DE PAIO NA FESTA DA ANPA




Como remate de curso, a ANPA organizou unha xornada para que as nenas e nenos se divertiran e levaran bo sabor de curso. Primeiro repartiron unhas orixinais galletas, coa imaxe de Puca e o emblema da ANPA. Eran tan fermosas que houbo quen non as quixo comer porque lle daba lástima quedarse sin elas!!!
Logo tivemos unha actuación musical a cargo de o grupo OVIRAVAI que nos presentou o seu libro-CD " As andanzas de Paio", un teixugo que viaxa por diferentes países( África, canadá, México...) e nos que vive diferentes aventuras e fai novos amigos.
Con estas imaxes queremos resumir o ben que o pasamos este día e agradecer a ANPA a súa colaboración e o agasallo que tiveron con Puca: o libro- CD de "As andanzas de Paio"!!


XORNADA DE SURF NA PRAIA DE ESTEIRO





                        

Xa ven sendo habitual que a finais de curso e cando o tempo meteorolóxico é propicio, facer unha xornada de surf para iniciarse neste deporte. Esta vez desprazámonos ata a praia de Esteiro, en Xove, onde nos agardaban os monitores da Escuela Gallega de Surf. 
Despois de poñer o traxe e  recibir as explicacións pertinentes, metémonos na auga tratando de manter o equilibrio na táboa, con mellor ou peor sorte! Pero unha vez máis, pasámolo xenial e con ganas de repetir o vindeiro curso.

                      

7 jun 2017

CELEBRACIÓN DO CUMPLE DE PUCA!!

Unha festa por todo o alto foi a que tivo Puca para celebrar os seus 10 anos con nós!! Primeiro entregáronse os diplomas aos devoradores de libros, que son os nenos e nenas que máis libros leron durante o curso, segundo os rexistros do programa MEIGA. 
Ao longo da festa, Puca tivo un agasallo moi especial: unhas zocas que lle deron con moito cariño, as nenas e nenos da clase de 4º e que lle encargaron ao artesán Alberto Xeada, en complicidade coas súas familias. Tamén  contamos coa actuación do grupo da Fundación EU SON que nos interpretou varias cancións. A continuación, todos cantamos a canción de Puca e por último, os pequeniños do cole sopraron as velas e comemos a tarta de chocolate e trufa que tanto nos gusta!!!!
FELICIDADES PUCA, A SEGUIR CUMPRINDO ANOS CON NÓS E ANIMÁNDONOS EN TODAS AS ACTIVIDADES DA BIBLIOTECA!!!!!!!!!!!



10 may 2017

VISITA AO CENIMA

  

Días pasados fixemos unha visita ao CENIMA de Foz para ver a exposición SER VISIBLES de once mulleres artistas de A Mariña, dentro das actividades da Semana das Artes Plásticas da Mariña. 
Esta é unha actividade que vimos realizando ao longo dos cursos, dende que traballamos en proxectos relacionados coa arte e sobre todo, coa arte que nos rodea e que para nós ten a súa especial celebración o DÍA DA ARTE GALEGA NA ESCOLA, o 1 de xuño de cada curso, lembrando a Seoane, cofundador da Cerámica de Sargadelos.
Aproveitando a saída a Foz, achegámonos ata a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, onde unha guía nos explicou brevemente,algúns detalles e curiosidades deste monumento. 




5 may 2017

A MARIÑA CON MOITA ARTE

Este ano  a actividade colaborativa da Microrrede de A Mariña leva por título e tema "A MARIÑA CON MOITA ARTE", que no noso centro tivo por eixo a arte de Sargadelos, tanto a cerámica como a literatura. A proposta para as familias foi que elixisen unha obra, peza, deseño...de Sargadelos, que buscaran información sobre ela e logo facer a súa recreación plástica nunha cartolina, explicando un pouquiño sobre esa peza. Coma sempre, os resultados son espectaculares e a participación total. Tivémolos expostos no colexio e agora irán para Viveiro, onde se poden ver, xunto cos traballos dos demais centros integrantes da Microrrede. Ademais, O Colexio de Cervo aporta unha colección de libros de Edicións do Castro que xa son clásicos na nosa biblioteca.
Aproveitamos para agradecer a participación das familias, sen as cales esta actividade non sería posible, tamén á Cerámica de Sargadelos por brindarse a colaborar con nós e a todas as persoas e institucións que nos axudan e rematamos invitándovos a visitar a exposición conxunta en Viveiro que será do 8 ao 11 de maio.

3 may 2017

SOMOS FINALISTAS NO IX CONCURSO DE ROBÓTICA!!!

A semana pasada desprazámonos ata A Coruña para participar no  IX Concurso de Robótica organizado por IGACIENCIA e somos finalistas! Así que mañá, día 4 de maio volvemos A Coruña para disputar á final co CPR Jesús Maestro de Ferrol e o IES Politécnico de Vigo, ámbolos  dous de 1º de ESO, xa que a nosa categoría engloba a 5º e 6º de Primaria e 1º de ESO.
 Aínda que somos os máis pequenos, estamos moi animados e tamén un pouco nerviosos pola gran responsabilidade que imos afrontar, pero xa nos damos por satisfeitos por chegar á final e así deixar ao noso cole entre os finalistas! 
No xornal La Voz de Galicia aparece esta nova que podedes ler premendo no enlace.
Desexamos moita sorte aos nosos compañeir@s e alumn@s, que se divirtan e o pasen moi ben!!!

SORTE!!!!


CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO



Celebramos o Día do Libro realizando as seguintes actividades.
O xoves 20 de abril, maratón de lectura na biblioteca dunha adaptación para nenos do libro El Quijote. Pola biblioteca pasaron todos os cursos de Primaria para ler, mentres que outros cursos escoitaban aos compañeiros, seguindo unhas quendas establecidas polo equipo de biblioteca.
O venres 21 tivemos os apadriñamentos lectores. Despois duns días de búsqueda e preparación das lecturas axeitadas, os padriños e madriñas léronlles aos seus afillados e afilladas. Como facía unha mañá estupenda, puidemos saír todos ao patio para gozar desta actividade.

Rematamos esta xornada tan especial coa visita da autora do libro" O agasallo de Anya", Sabela Núñez Singala. Mostrounos unha presentación sobre o seu libro e os escenarios onde centrou a historia, os personaxes...Contestounos ás preguntas, resolveu dúbidas e por último, démoslle os agasallos que tiñamos preparados: un lap book sobre Ucraína, un libro e un chamador de anxos feito con materiais das praias de A Mariña. Ela estivo moi contenta con nós e , por suposto, nós con ela. Puca fíxose moi amiga de Anya e fixéronse fotos xuntas. Sabela publicou unha entrada no seu blog sobre esta visita que nos emocionou un montón. Podedes lela enteiriña AQUÍ
Agardamos que rapidiño nos conte outra historia tan fermosa!

                                     
´DÍA DOLIBRO 2017

7 abr 2017

ARTE KINÉTICO




 
         

Cos escornabots pódense facer moitas actividades e tamén arte, pero claro, un arte moi especial que se chama kinético. Mirade as imaxes e darédesvos conta do que vos falamos.