13 nov. 2012

IV XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA






O pasado fin de semana, días 9 e 10 de novembro, tivo lugar no Pazo de Congresos, de Santiago de Compostela, a cuarta edición destas xornadas, que tiveron coma sempre unha magnífica acollida, unhas 1100 persoas, con especial asistencia de profesorado que pertence a grupos que traballan nas bibliotecas dos nosos colexios e institutos.
As xornadas comezan  o venres, coa  recollida de documentación e inauguración das mesmas por conta do conselleiro de educación, para a continuación ter a conferencia inaugural a cargo de Fabio Tropea da universidade Pompeu Fabra sobre a temática: “Ler entre liñas e pantallas. Estratexias de lectura crítica na era de internet”.
O mesmo venres tamén houbo unha mesa sobre:” A linguaxe audiovisual e a biblioteca escolar” a cargo do prestixioso  escritor e profesor Miguel Vázquez Freire.
O sábado, empezaron cunha conferencia de Tiscar Lara, xornalista e directora da Escola de Organización Industrial, sobre:”Os medios de comunicación, aprendizaxe dixitais e bibliotecas escolares.
A partires das doce da mañá empezaron catro mesas simultáneas, sobre os seguintes contidos:
1.       Formar lectores de prensa (impresa e dixital) co apoio da biblioteca escolar, coa colaboración de Jesús Garrido do programa prensa-escola e con experiencias dos centros IES Gregorio Fernández de Sarria, e CEIP Couceiro Freijomil de Pontedeume.
2.       Educar para ver (o vídeo de animación), con Eva Mejuto (nós tamén creamos) e experiencia do centro CEIP A Lama de Pontevedra.
3.       Aprender a xogar. Videoxogos, con Marian Moreno experta en videoxogos educativos, e a experiencia IES de Celanova.
4.       Proxectos de investigación dende as bibliotecas, con experiencias dos centros: EEI Barrionovo de Arteixo, CEIP Milladoiro de Malpica, CPI de o Rosal, IES Pedro Floriani de Redondela.

Pola tarde tivemos outras catro mesas:
  1.  Formar lectores de banda deseñada, con Kiko da Silva, ilustrador e autor de banda deseñada, e con experiencias do IES Lagoa de Antela e o CEIP O Salvador da Pastoriza de Lugo.
  2.  Educar para escoitar: Radio, con Belén Regueira, xornalista con experiencia en radio e tv e coa experiencia do IES da Pastoriza de Arteixo.
  3.     Formar espectadores desde a biblioteca escolar (o cine, o vídeo desde  a biblioteca escolar), con experiencias dos centros: IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, IES Fontem Albei da Fonsagrada, IES Pedra da Aguia de Camariñas e CEIP de Louro en Muros.      
  4.  Ler arte, con intervención de Mercedes Rozas experta no mundo da Arte e as experiencias do IES Sánchez Cantón de Pontevedra e de María Fernández García coordinadora da nosa biblioteca, do CEIP DE CERVO, que aproveitou para dar a coñecer os proxectos dos dous últimos cursos, Lendo e pintando e Lendo e creando, sobre a introdución do traballo da pintura e escultura dun xeito globalizado na nosa escola. Tamén lanzou a invitación a participar  na  celebración do 2º  “Día da arte galega na escola” o 1 de xuño, día do aniversario de Seoane.
 Estamos moi contentos de poder compartir as nosas experiencias  a través destas Xornadas,  que remataron cunha conferencia final a cargo de Luís González,  da fundación Germán Sánchez  Ruipérez sobre a ”Lectura no século XXI e a biblioteca escolar”.
Subimos a presentación da nosa ponencia para os que a queiran visualizar con máis calma, porque nas Xornadas foi un pouco xusto o tempo.
Aproveitamos para dar as grazas a todos cantos mostrástedes interese neste traballo, agardamos fósemos capaces de transmitirvos o desexo de participar no Día da Arte Galega na Escola.
                                                                                                          
                                                                                                                       O Equipo da Biblioteca.

1 comentario:

Manuel o de música dijo...

Dende Cervo para o mundo!! Que bonito!!