Ola, compañeir@s ! Hoxe é un día especial, un día no que, dende BIBLIOCERVO e todas a Bibliotecas Escolares de Galicia, aproveitamos para reivindicar e recordar o importante papel que desempeña a literatura infanto-xuvenil na nosa sociedade.
E preguntarédesvos... por que se conmemora o 2 de abril? Pois elixiuse esta data na honra do nacemento de Hans Christian Andersen! Se queredes saber máis cousas sobre este gran escritor de contos só tedes que premer na ligazón.
Tamén tedes que saber que esta conmemoración parte da "Organización Internacional para o Libro Xuvenil"(IBBY), que é unha asociación sen ánimo de lucro fundada no ano 1953. Ten entre os seus obxectivos potenciar o achegamento de libros de gran calidade artística e literaria a todos os nenos e nenas do mundo, respectando e favorecendo a igualdade de oportunidades.
Pola súa banda, a OEPLI, que é a sección española do IBBY, publicou un cartaz e un boletín informativo que recolle a mensaxe de Margarita Engle e ilustrado por Roger Mello: A música das palabras.
A MÚSICA DAS PALABRAS
Por Margarita Engle
Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.
As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!
As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.
Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.
Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía
de esperanza.
Ademais tamén presentaron un video con motivo desta conmemoración e e que podes ver a continuación:
Son eses libros marabillosos, cheos de aventuras e seres fantásticos, os que vos esperan cada día nos andeis de Bibliocervo agardando a que os descubrades e lles permitades vivir a través de vós, da vosa incansable imaxinación e das vosas ganas por descubrir novos mundos e aprendizaxes, onde todo é posible con só atreverse a soñar e a LER.
GOZADE COA LECTURA, AMIG@S!
No hay comentarios:
Publicar un comentario