27 jun 2009

LETANÍA DE GALICIA, de Uxío Novoneyra

A REAL ACADEMIA GALEGA DEDICA O DIA DAS LETRAS GALEGAS 2010
A UXIO NOVONEYRA o poeta do caurel. Dos seus poemas escollemos esta LETANIA DE GALICIA para sumarnos ao seu homenaxe.


GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
Hastr’os que calan din GALICIA

e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza

GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza

libre pra servir libre pra servir
libre pra non ser libre pra non ser
libre pra morrer libre pra morrer
libre pra fuxir libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa
recóllote i érgote no verbo enteiro

no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola

pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa
sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa.



1 comentario:

Mik dijo...

Felices vacacións, Puca! E xa sabes, aquí me terás de novo en setembro para seguir disfrutando contigo e coa túa biblioteca.
Moitos biquiños