10 may. 2016

AS PEZAS ÚNICAS, LETRAS GALEGAS 2016



Para celebrar o Día das letras Galegas, o EDLG ( Equipo de Dinamización da Lingua Galega) promove, dende o curso 2013, unha actividade que nós chamamos PEZAS ÚNICAS e a que lle adicamos unha páxina especial neste blog. Cada curso as nenas e nenos de infantil e primaria, escriben e ilustran un poemiña,cada un ao seu nivel, no que a temática ten que ver co proxecto anual do centro. Logo numéranse e envíanse a un lugar relacionado tamén co proxecto, para que nos días previos ás Letras Galegas, os repartan entre os seus clientes ou entre as persoas que asisten a algún espectáculo. Deste xeito, espallamos pezas únicas por galerías da Cerámica de Sargadelos, por confeiterías e no Auditorio de Galicia en Santiago.
Este curso as pezas van ser repartidas entre os amantes do cine que acudan ao cine NUMAX de santiago de Compostela. NUMAX é un proxecto que se puxo en marcha no 2015 a través dunha cooperativa de traballo se ánimo de lucro. Ademais de cine, é libraría e laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual que polas súas características respondía moi ben ao obxectivo das Pezas Únicas: espallar a nosa cultura e a nosa lingua. 
Agardamos que sexan moitas as persoas que reciban este fermoso agasallo feito con todo cariño e esmero polas nenas e nenos do Colexio de Cervo, porque iso tamén quererá dicir que foron moitas as que acudiron ao cine na Semana das Letras Galegas!

No hay comentarios: