1 jul 2009

O GALEGO SERVE PARA ENTENDERNOS



No blog compañeiro O segrel do Penedo, que á súa vez a recolleu do blog Brétemas, leo este fermoso texto de José Manuel Atanes Limia publicado na sección de «Cartas» no xornal Faro de Vigo, onde se explica moi ben para que serve o galego. Lédea e veredes que clariña é, logo si vos apetece, sumádevos a proposta que se nos fai, a de aumentar a carta con:
" esas palabras marabillosas que nos axudan a entendernos"

O GALEGO SERVE PARA ENTENDERNOS!!!
Puxémoslle nome ás persoas: Suso, Maruxa, Mariña... apelido: Vázquez, Nogueira, Lagoa....
e alcume: o Bichoguizo, a Rachaoferro, as Piricas,....
Puxémoslle nome ás nosas árbores: amieiro, freixo, teixo,... e apelidos: Carballa da Rocha, Castiñeiro da Capela, Carballeira de Mandiá...
Botamos aturuxos, arroutadas, regueifas.... e damos colo, apertas, bicos....
Puxémoslle nome ás froitas: pexego, mazá, abruño....
Aos arbustos: silva, xesta, piornos....
Ás nosas herbas: camariña, herba de namorar, fiuncho...
Ás comidas: grelos, cacheira, cachelos...
Puxémoslle nome aos insectos: vagalume, escornabois, avelaiña...
Aos peixes: xouba, ollomol, merlón .... e aos mariscos: vieira, zamburiña, navallas....
Ás nosas praias: de Rodas, A Rapadoira, Ponzos...
Ás serras: O Larouco, A Capelada, Outes...
Aos montes: A Zapateira, O Galiñeiro, A Bailadora...
As rochas: Pena Corneira, A Pedra de Avalar, Os Cabalos...
Aos ríos: Toxa, Xallas, Eume, ...
Aos pobos: Soutelo, Peroxa, Lubre...
Aos males: Mal de Ollo, O Arangaño, O folgosalvo...
Aos nosos medos: A Santa Compaña, O Negro Meigallo, O home do saco...
Aos nosos heroes: O Foucellas, Roi Xordo, María Soliña...
Aos monstros: Sacauntos, Fendetestas, Urco...
As vacas: Marela, Xeitosa, Roxa, ....
Aos disfraces: Peliqueiro, Boteiro, Choqueiro...
Aos sentimentos: morriña, agarimo, aloumiño...
Aos santos: A Franqueira, O Corpiño, San Andrés..
Ás nosas festas: A Rapa das Bestas, O Magosto, Os Maios...
Á musica: os alalás, a chouteira, as folías...
Aos xogos: a billarda, a porca, as lombas, ...
Ás partes do corpo: as costas, os xeonllos, os beizos...
Aos paxaros: paporrubio, rula, xílgaro...
Ao vestido: saia, polaina, pololos...
e agora veñen que para que serve o galego, pois e obvio, para entendernos.
E esta é a nosa aportación:
Puxémoslle nome as partes do carro: sabexugueiro, chavella, fungueiros, caínzas,...
Inventamos verbos: acabicornar as vacas, rapar a lá das ovellas ou o mel das abellas...
Puxémoslle nome as partes da lareira:camballeira, fornela, tres pes...


¿Queres continuala? Pois veña, adiante!




1 comentario:

Loly dijo...

Grazas pola vosa referencia a esta fermosísima carta e por suposto pola vosa aportación. Así que velai vai a nosa...
Sentimos ledicia, temos fermosísimas flores como a chorima ou as papoulas
e disfrutamos vendo un arco da vella...
Apertas dende Fene!!