22 abr 2014

DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR

              O 23 de abril é un día simbólico para a literatura e o libro posto que ese día do 1616 morreu Cervantes, Sackespeare e Garcilaso de la Vega.A Conferencia Xeral da UNESCO que tivo lugar en París no ano 1995 quixo facer unha homenaxe aos libros e aos autores nesta data, animando a todos a descubrir o placer pola lectura. Dende a nosa biblioteca queremos facelo un ano máis, cos apadriñamentos lectores que tan bos vínculos crean entre os padriños e os afillados. Feitos xa os preparativos, elixidos os contos e libros que se van ler, preparados os agasallos para os padriños e madriñas, só nos queda agardar que teñamos un  día primaveral, que luza o sol e así poidamos disfrutar dunha xornada lectora ao aire libre.
Por outra banda, no corredor da entrada temos a exposición de "libros especiais" que este curso son especiais porque teñen que ver co proxecto A Despensa das Lecturas, e os traballos realizados polas familias " De aqueles contos ...novos finais", en colaboración con outras bibliotecas da Mariña.

As imaxes corresponden ao marcapáxinas  publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co seguinte texto de Paco Martín:

O código secreto que permite o acceso á sala de 
mandos da nave espacial exploradora de futuros 
itinerarios siderais.
A bambeante escada de corda e táboas coa que 
abordar o áxil bergantín no que sucar mares ignotos 
na procura do eterno tesouro da ilusión.
 A estribeira na que pousar o pé para cabalgar o 
airoso alazán de galope tendido cara ao horizonte 
promisorio. 
A fiestra aberta ao ar vivificador, franca aos saberes, 
ao pensamento diverso, ao voo da imaxinación, á 
descuberta venturosa de novos mundos, ao espello 
substancial do propio ser....
O libro! 

No hay comentarios: