31 may 2021

DÍA DA ARTE GALEGA NA ESCOLA

 

Dende os primeiros proxectos de arte no colexio nos que establecemos o Día 1 de xuño como o DÍA DA ARTE GALEGA NA ESCOLA en lembranza do nacemento de Luís Seoane, un dos fundadores da Cerámica de Sargadelos xunto con Isaac Díaz Pardo, cada 1 de xuño celebramos este día adicándollo a unha expresión artística diferente. 
 
Nesta ocasión ímosvos propoñer un achegamento ao "OFICIO DE CREBEIRO".
 
Seguro que algunha vez escoitastes a expresión " ANDAR ÁS CREBAS"
 
PERO QUE É UN CREBEIRO E QUE SIGNIFICA ESA EXPRESIÓN TAN GALEGA?
 
Un CREBEIRO é unha persoa que busca e aproveita restos de naufraxios ou cargas de embarcacións que o mar arrastra ata a costa para realizar diferentes pezas artísticas.  
 
Non vos parece do máis interesante? Entón ... que son as CREBAS? 
 
CREBAS é un termo propio do vocabulario da Costa da Morte, que nomea a todos aqueles obxectos que as mareas depositan na praia, a consecuencia dun naufraxio, temporal ou outras circunstancias. 
 
Entón ... contádeme! Algunha vez vós ANDASTES ÁS CREBAS? Se non o fixestes agora é o momento!
 
PROPOSTA: Queremos animarvos a que, aproveitando o bo tempo, saiades de paseo á praia e recollades nunha bolsiña aqueles obxectos que vos parezan de interese e que foron arrastrados polo mar, para logo construír coa axuda da vosa familia unha pequena OBRA DE ARTE! Despois podedes compartila a través do twitter @CEIP_de_CERVO ou cos vosos titores e titoras. 

Ademais estaredes axudando a manter limpa a nosa contorna e a fomentar a RECICLAXE e a REUTILIZACIÓN!  
 
A modo de exemplo déixovos aquí algunha foto de obras artísticas feitas por http://gorgesleal.blogspot.com/ con esta técnica. Como vedes só tedes que deixar voar a vosa imaxinación! 
 



Outra persoa que destacou nesta disciplina foi MAN: O CREBEIRO ARTISTA de CAMELLE. Nas seguintes ligazóns podedes obter máis información sobre este artista tan especial, e quizáis as súas obras podan ser fonte de inspiración. E recordade que si pasades por CAMELLE, non deixedes de visitar o MUSEO DO ALEMÁN! 
 
  •  https://kalandraka.tv/videos/man-de-camelle/ 
  •  http://www.turismocamarinas.net/que-hacer/museo-del-aleman-de-camelle/
  •  http://www.mandecamelle.com/
  •  http://www.mandecamelle.com/wp/proxecto-man-e-as-redes-sociais/
 



FELIZ DÍA DA ARTE GALEGA NA ESCOLA!
 
 
 
 
 

No hay comentarios: